Connect with us

Balonmán

Xaque sen mate do Millavén infantil feminino ao líder

As lucenses esixen ao máximo ao Xiria, pero a defensa presionante decide o encontro nos minutos finais.

O Infantil Feminino do Millavén CP Lucense vendeu moi cara a súa derrota diante do Xiria, líder da competición, nun partido intenso e esixente no que as lucenses nunca baixaron os brazos. Millavén mantívose competitivo durante todo o encontro e chegou a poñer en serios apuros a un rival que tivo que recorrer a unha defensa presionante para conter o ataque local.

A primeira metade estivo marcada pola igualdade, con alternativas no marcador e cun Millavén que soubo atopar vías ofensivas para manterse no partido, chegando ao descanso con 12-16. As lucenses amosaron personalidade e capacidade para competir ante un rival de máxima entidade.

Na segunda parte, Millavén incrementou o seu ritmo ofensivo e conseguiu reducir a diferenza ata colocarse a só dous goles a falta de menos de cinco minutos para o final. Porén, nos instantes decisivos, a defensa presionante a toda pista do Xiria volveu dificultar os ataques lucenses, permitindo ás visitantes ampliar a renda ata pechar o encontro no definitivo 28-32.

No plano individual destacou Aicha, máxima anotadora do partido con 12 goles, ben secundada por Lola (6) e Lina (4). Tamén contribuíron Carlota (3), Uxía (2) e Xiana (1), nun encontro no que Aldara e Valentina se repartiron a portería e no que o equipo deixou unha imaxe moi competitiva.

Alineación do Millavén CP Lucense:
Aldara e Valentina; Xiana (1), Lina (4), Aicha (12), Lola (6), Carlota (3), Natalia, Uxía (2), Iria e Jimena.

Árbitro: André Pena.

Advertisement