O conxunto de Juan non puido puntuar fóra da casa ante un dos equipos máis fortes da categoría, pero amosou orgullo e carácter cunha boa segunda parte e tres goles que reflicten a súa mellora.
Alevín Preferente
Troula Betanzos contra Piringalla
Resultado ao descanso: 6-1
Resultado final: 7-3
Aliñación : Thiago , Martiño, Mateo, Izan, Pelayo
Banquiño : Lucas, Samu , Sergio, Lozano, Alex de la Peña
Goleadores : Pelayo, Izan, Lucas
Destacados da xornada:
- Pelayo
- Alex de la Peña
- Martiño
A Piringalla afrontou en Betanzos unha das saídas máis complicadas da tempada, medíndose ao Troula, un rival moi traballado e con xogadores de gran calidade. A primeira metade foi costa arriba: o equipo tardou en entrar no encontro e encaixou tres goles en apenas catro minutos, o que marcou o rumbo do partido. Aínda así, houbo un tramo de dez minutos nos que os de Juan deron un paso adiante, presionaron ben e conseguiron reducir o número de chegadas do rival. Porén, nos últimos instantes do período volveron baixar a intensidade e o Troula aproveitou para facer outros tres tantos case consecutivos, deixando o 6-1 no descanso.
Trala pausa, o equipo lucense saíu cunha actitude totalmente diferente. Sabendo da superioridade do rival, os xogadores levantaron os ánimos e competiron de ti a ti, ofrecendo unha imaxe moito máis sólida. A Piringalla igualou o xogo rival e xerou ocasións claras, chegando a marcar dous goles máis e rozando outros dous que o rival sacou sobre a liña. A mellora na segunda metade foi evidente e deixou boas sensacións de cara ás próximas xornadas.
A clave do partido estivo na intensidade. O equipo segue en proceso de adaptación á categoría, e cando baixa o ritmo ou a concentración, os rivais non perdoan. Aínda así, o conxunto lucense demostrou que ten fútbol e carácter para competir con calquera.
O adestrador Juan sinalou ao remate: “Seguimos traballando para adaptarnos á categoría, unha gran segunda parte para demostrar do que somos capaces.” Na próxima xornada, a Piringalla recibirá na casa, ao Lugo Sala, un dos catro equipos da cidade de Lugo presentes na categoría, . Os de Juan chegan sen coñecer a derrota como locais, e buscarán prolongar esa boa dinámica na casa.