Connect with us

Balonmán

Unha de cal e unha de area para Millavén infantil na dobre xornada

Derrota en Narón e reacción en Oleiros para pechar o domingo cun triunfo moi traballado.

O Infantil Masculino do Millavén CP Lucense viviu unha fin de semana de sensacións contrapostas, cun dobre compromiso que deixou unha derrota o sábado e unha vitoria moi celebrada o domingo. Dous partidos moi distintos, nos que o equipo lucense amosou capacidade de reacción tras un inicio complicado.

Na xornada do sábado, Millavén viuse superado na súa visita ao BM Narón, nun encontro no que os locais levaron a iniciativa desde o comezo. Os lucenses non estiveron acertados no lanzamento e cometeron numerosas perdas de balón, o que dificultou manterse no partido. O marcador ao descanso xa reflectía unha clara desvantaxe (15-7) e, a pesar da mellora na segunda metade, o encontro pechouse cun 26-18 favorable ao conxunto naronés.

No partido do domingo, disputado en Oleiros ante o BM Atlántico, a cara amable da fin de semana chegou grazas a unha gran reacción colectiva. Millavén marchou ao descanso por detrás no marcador (13-11), pero tras a reanudación o equipo lucense elevou o seu nivel defensivo, encaixando só 6 goles nos segundos 25 minutos. Ese traballo permitiulle darlle a volta ao partido e pechalo cun axustado 19-20, sumando así un triunfo moi traballado.

No encontro do sábado destacou Ernesto, autor de 6 goles, mentres que Óscar e Hugo L. achegaron 3 tantos cada un. Xa no duelo do domingo sobresaíu novamente Ernesto, máximo anotador con 9 goles, ben secundado por Breixo, con 6, nunha vitoria construída desde o esforzo defensivo e o compromiso colectivo.

BM Narón 26 – Millavén CP Lucense 18 (7+11)
Alineación: Martín e Rayan; Óscar (3), Nuno (2), Leo, Andrés (1), Breixo (2), Víctor, Aryan, David, Hugo F., Hugo L. (3), Ernesto (6) e Nicolás (1).
Árbitros: Martina Gómez e Luis Arias.

BM Atlántico 19 – Millavén CP Lucense 20 (11+9)
Alineación: Martín e Rayan; Óscar, Nuno (1), Leo, Andrés (1), Breixo (6), Víctor (1), Aryan (2), David, Hugo F., Hugo L., Ernesto (9) e Nicolás.
Árbitros: Uxía Mariño e Paula Peteiro.

Advertisement