Personalidade, reacción e bo xogo para superar a un rival directo
Alevín Preferente Masculina
Acasti Reformas Lugo Sala – 5 Coruña La Estrella
Resultado ao descanso: 2-1
Resultado final: 5-2
Aliñación: Nico, Rafa, Miguel M., Mateo V., Otero
Banquiño: Xabi, Quiroga, Oli, Brais, Enzo
Goleadores: Miguel M. (2), Oli (2), Otero
Destacados da xornada: Nico, Oli, Miguel M.
Resumo do partido:
O Lugo Sala Acasti Reformas asinou unha vitoria de enorme valor ante o 5 Coruña La Estrella, rival directo na loita polas prazas que dan acceso ao Campionato Galego. O triunfo permite aos lugueses ampliar a diferenza ata os seis puntos máis o gol average particular, nun duelo que confirmou o bo momento do equipo.
O partido comezou cun Lugo Sala moi enchufado, adiantándose rápido no marcador. Porén, lonxe de dar tranquilidade, o gol inicial non serviu para dominar o encontro, en parte polo mérito dun rival moi intenso que dificultou moito a saída de balón e castigou varias perdas en zonas perigosas. Neses momentos apareceu Nico para soster ao equipo con intervencións clave. Cando os locais lograban superar a presión, xeraban perigo, e nunha boa defensa da incorporación do porteiro rival chegou o 2-0 tras un roubo. O encontro seguía esixente, con moitos duelos e tensión, e tras un tempo morto para insistir nesa faceta, o 5 Coruña recortou diferenzas cun disparo exterior mal defendido, chegando ao descanso co 2-1.
Na segunda metade, o Lugo Sala saíu coa intención de mellorar nos duelos e aumentar a intensidade, pero unha acción mal resolta en defensa acabou co empate a dous. Lonxe de afundirse, o equipo deu un paso adiante e mostrou a súa mellor versión. A personalidade colectiva, o criterio co balón e a contundencia nas accións marcaron a diferenza. O terceiro e cuarto gol chegaron tras xogadas de gran precisión e talento, reflectindo o momento do equipo. O quinto tanto, nunha boa acción finalizada por Otero, puxo o peche a un partido moi completo e confirmou a superioridade local no tramo decisivo.
Clave do partido: A personalidade do equipo no momento do empate, sabendo reaccionar e impoñer o seu xogo.
Próximo enfrontamento: O Lugo Sala Acasti Reformas visitará na próxima xornada ao Lago Sport, coa intención de manter a boa dinámica e seguir sumando nun tramo clave da tempada.