RIBEIRA F.S. NUÑEZ MOTOR 4 – 0 FERROVIARIA
Polideportivo Somos Fútbol , domingo ás 13:00 horas
Ribeira F.S. Nuñez Motor: Mateo – Fiz – Pablo – Enzo – Saúl
Banquiño: Álvaro – Jacobo – Simón – Leo – Daniel – Gabriel
Ferroviaria: Manuel – Pablo – Martín – Álvaro – Martiño
Banquiño: Hugo – Lucas Peteiro – Lucas Martínez – Mateo – Xosé Martiño
O derbi lucense máis agardado da tempada non defraudou en emoción e intensidade. Ribeira F.S. Nuñez Motor e a Ferroviaria, os dous grandes dominadores da categoría Prebenxamín, medíanse este domingo na gran final da Copa no polideportivo Somos Fútbol . Cun ambiente vibrante nas bancadas e unha entrega total sobre a pista, o Ribeira impúxose cun marcador contundente de 4-0, coroándose campións cunha tempada case perfecta.
Ambos conxuntos chegaban a esta cita con méritos de sobra: Ribeira F.S., líder invicto con só un empate en toda a tempada; e a Ferroviaria, segunda clasificada tanto na liga regular como na fase polo título, cunha única pedra no camiño: precisamente os encontros fronte aos campións.
O camiño cara a final foi claro. O Ribeira superou ao Guitiriz por 2-0, mentres que a Ferroviaria fixo o propio ante o Piringalla cun axustado 2-1. Dous partidos que xa anunciaban a igualdade e o nivel desta final.
Pero na pista, a balanza acabou decantándose do lado do Ribeira. Cun xogo sólido, ben estruturado e unha intensidade constante, os rapaces adestrados deron un recital ofensivo e defensivo. Aínda que o marcador final puidese facer pensar nun encontro desigual, a realidade foi ben distinta: a Ferroviaria non perdeu a cara ao partido en ningún momento, plantando cara e demostrando o gran traballo formativo que están a desenvolver.
A diferenza estivo na eficacia: o Ribeira non perdoou as súas ocasións e mostrou unha defensa firme, mentres que a Ferroviaria atopouse cun Mateo infranqueable baixo paus.
Ao final, máis alá do resultado, queda o reflexo do gran traballo de base dos dous clubes, referentes na formación de futuros talentos do fútbol sala lucense.
Unha final para lembrar, con dous equipos que seguen facendo historia nas categorías base do fútbol sala de Lugo.