Connect with us

Uncategorized

Ribeira alevín feminino rozou a xesta nunha semifinal de poder a poder

Copa Galicia Alevín Preferente Feminina /  Ribeira F.S. «En Boas Mans» vs Arealonga F.S.

Resultado ao descanso: 1 – 3 / Resultado final: 2 – 4

Aliñeación inicial:  Daniella Polo – Nerea Rodríguez – Andrea López – Cira Porto – Lola Zapata

Banquiño: Antía Cancela – Vega Zapata – Elena Álvarez – Éire Pin – Paula Yebra – Daniela Quijada

Goleadoras: Nerea Rodríguez – Andrea López

O encontro comezou cun revés inesperado para o Ribeira F.S. «En Boas Mans», encaixando un gol no primeiro minuto que obrigou a remar contracorrente desde o inicio. A presión dunha semifinal fixo mella nos primeiros compases, cun xogo marcado por nervios e imprecisións. O Arealonga F.S., campión da zona sur, amosou a súa calidade e podería ter sentenciado o encontro de non ser polas intervencións salvadoras de Daniella Polo. Logo dun tempo morto para recuperar o alento, Nerea Rodríguez puxo o empate cunha xogada de entrega e coraxe. Cando parecía que o Ribeira atopaba o seu ritmo, dous golpes rápidos do Arealonga antes do descanso puxeron o 1-3 no marcador, deixando un panorama complicado para a segunda metade.

Tralo paso polos vestiarios, o guión mantívose, o Arealonga controlando o tempo de xogo e o Ribeira loitando por resistir e buscar unha opción para achegarse no marcador. A estratexia, unha das armas habituais das de Luna, non chegou a brillar neste encontro. Aínda así, Andrea López, demostrou a súa habilidade no caneo e puxo a emoción cunha gran xogada individual que rematou no 2-3, espertando o alento do Pavillón Municipal de Lugo. O equipo empuxou coa forza do público, intentando o empate con valentía. Mais o cansazo fixo estragos e un erro nas postrimerías permitiu ao Arealonga sentenciar co 2-4 definitivo.

A pesar da derrota, o Ribeira pecha unha tempada histórica, cunha traxectoria digna de admiración e un equipo que nunca deixou de crer.

As tres mellores do Ribeira F.S. «En Boas Mans»:

3 puntos: Daniella Polo

2 puntos: Nerea Rodríguez

1 punto: Elena Álvarez

A clave do partido:

A determinación nas áreas foi desnivelante

Frase de Luna:

“Este equipo tiña gardado un gran segredo para esta Copa e é que nunca baixamos os brazos, desta maneira fomos quen de chegar ata aquí e a pesar de caer en Semifinais, sinto que hoxe, un día mais, estas nenas demostraron que con esforzo podes conseguir cousas ‘imposibles’.

Quero poñer en valor o afortunada que me sinto de ter un vestiario tan nobre, entregado e unido. Elas son as verdadeiras protagonistas e agora poñémoslle fin a esta tempada máxica.”

O Ribeira F.S. «En Boas Mans» despídese da tempada, pero faino co orgullo de ser un dos catro mellores equipos da Copa Galicia Alevín Feminina. O futuro está nas súas mans.

Patrocinio