Connect with us

Fútbol Sala

Remontada épica do Lugo Sala cadete, nun final inesquecible

As lucenses asinaron unha das vitorias máis emocionantes da tempada nun partido tolo e cheo de alternativas ata o último segundo.

Cadete Preferente Feminina
Narón O Freixo vs Lugo Sala Recambios Frain

Resultado ao descanso: 2-1
Resultado final: 4-5

Alineación: Nati, Candela, Mari, Andre, Ale
Banquiño: Uxía, Nadia, Alba, Leire
Goleadoras: Candela (2), Leire (3)
Destacadas da xornada: Candela, Leire, Nati

Resumo do partido:
Tras un bo quecemento, o Lugo Sala Frain saíu moi enchufado a un encontro que xa se intuía moi axustado. Candela abriu o marcador cun gran gol desde 12 metros que deu confianza ao equipo. O Narón O Freixo respondeu cunha boa circulación de balón, mentres que ás lucenses lles custaba tomar boas decisións na saída e enlazar xogadas con continuidade. Nun erro defensivo, cunha marca solta e un balón ao segundo pau, chegou o empate, e case sen tempo para reaccionar, nunha acción moi semellante, o rival fixo o 2-1. Antes do descanso, o Lugo Sala tentou forzar o empate con algunha situación de 5 para 4, pero sen éxito.
Na segunda metade, os primeiros minutos foron de estudo mutuo, cun tira e afrouxa constante sen ocasións claras. Foi Leire quen rompeu o equilibrio tras unha gran xogada colectiva, e poucos minutos despois, a mesma xogadora, ben colocada, anotou o gol que devolvía a vantaxe ás lucenses. O Narón seguiu apretando e as de Luchi tiveron varios sustos, resoltos con seguridade por Nati nos últimos instantes. O final foi simplemente un escándalo. A falta de catro minutos, o rival empatou o partido e, no mesmo minuto, puxo o 4-3. O Lugo Sala apostou polo xogo de cinco, primeiro coa porteira e logo cunha xogadora de campo, xerando tensión pero poucas ocasións claras. Nunha acción de moita fe dentro da área, Leire roubou o balón á porteira rival e marcou un gol que deixou a todos sen palabras. Con apenas segundos por xogar, chegaron varios intentos desde as bandas, e non foi ata o último, a falta de tres segundos, cando Candela asinou o gol definitivo desde 15 metros cun golpeo cruzado sobre o pitido final. Un final memorable nun dos mellores encontros da liga, que permite ao Lugo Sala Frain afianzarse na parte alta da táboa e afastar ao Narón O Freixo dos postos altos.

Clave do partido: Non desconectar do partido.

Expulsión: Porteira do Narón O Freixo.

Frase de Luchi: “O de hoxe era un partido importante para seguir arriba e demostramos que merecemos estar aí.”

Próximo enfrontamento: O Lugo Sala Frain recibirá ao Burela, un rival situado na parte baixa da táboa pero que chega con confianza tras gañar tamén ao Narón, polo que será un encontro que esixirá máxima concentración para seguir sumando.

Advertisement