Connect with us

Fútbol Sala

Punto final para Lugo Sala infantil feminino

O Lugo Sala Acasti Reformas cae con dignidade ante o Victoria CF (5-2) e pecha a tempada cun sabor esperanzador

O equipo infantil feminino do Lugo Sala Acasti Reformas puxo este domingo o punto e final a unha tempada marcada polo crecemento colectivo e a evolución das súas xogadoras. Nun duelo correspondente á Copa Infantil Feminina disputado no Pavillón Labañou de A Coruña, as lucenses caeron ante un potente Victoria CF por 5-2, nun encontro moi competido e de gran intensidade.

Resultado ao descanso: 2-1 

Resultado final: 5-2

Alineación inicial : Alexia – Natalia – Marina – Alba – Andrea 

Banquiño: Uxía, Noa, Juanita

Primeira parte: firmeza defensiva e perigo á contra

O Lugo Sala comezou o partido cunha proposta intelixente e sólida, defender en media pista e buscar a súa oportunidade ao contragolpe. As xogadoras dirixidas por Luchi estiveron moi ben colocadas atrás, impedindo que o Victoria CF xerara ocasións claras de perigo. A intensidade e concentración eran totais. Nunha desas saídas rápidas, Andrea culminou unha contra perfecta e adiantou ás visitantes no marcador. Sen tempo para celebralo, as coruñesas responderon cun gol de estratexia tras un saque de banda, e apenas uns segundos despois, aproveitaron a inercia para poñerse por diante cun segundo tanto que fixo moito dano psicolóxico.

Segunda parte: entrega sen premio e erros non forzados

Na reanudación, o guión foi similar, boa disposición defensiva pero máis dificultades para ter fluidez co balón. Os nervios e a presión fixeron que as xogadoras do Lugo Sala tiveran máis erros non forzados do habitual, con pases que normalmente sairían e hoxe non atopaban destino. A pesar do marcador en contra, o equipo non perdeu a cara ao partido e loitou cada balón. O duelo mantívose parello ata os últimos minutos, cando accións individuais do Victoria CF sentenciaron o encontro. Natalia recortou distancias cun bo gol, pero non foi suficiente para acadar a remontada.

As mellores do Lugo Sala Acasti Reformas;

3 puntos: Alba

2 puntos: Andrea

1 punto: Alexia

A clave do partido: 

«Manternos serias e intensas», tal como sinalou a adestradora Luchi, foi o que mantivo ao equipo vivo durante todo o partido, fronte a un rival de gran nivel.

Declaración da adestradora Luchi:

«Moi contenta polo traballo feito, un bo partido. Se houbésemos tido máis confianza co balón, puido ser excelente.»*

Fin de tempada con nota positiva

O Lugo Sala Acasti Reformas despide a tempada con boas sensacións e, sobre todo, cun crecemento evidente tanto a nivel individual como grupal. A liña ascendente do equipo augura un futuro prometedor para este grupo de xogadoras que soubo competir con garra, compromiso e aprendizaxe continua.

Patrocinio