A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos; inauguraron a nova canastra de baloncesto instalada na praza de Augas Férreas. O acto contou coa participación do director xeral do CB Breogán, Salva Arco; o xogador Dragan Apic; e a mascota do equipo, Máximus. Tamén asistiu a team manager do Ensino Lugo CB, Cata Polini.
A instalación deste equipamento responde á petición da veciñanza, que solicitaba un espazo para a práctica do baloncesto nunha zona xa dotada dun parque infantil cuberto e utilizada habitualmente para diversas actividades e eventos. «Seguimos avanzando na creación de espazos accesibles e con servizos deportivos para todos os públicos, fomentando hábitos saudables e promovendo o deporte de base», destacou Paula Alvarellos.
A nova canastra é antivandálica e conta cunha rede de cadea, garantindo a súa resistencia fronte ás condicións meteorolóxicas e ao uso intensivo ao longo do ano. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, sinalou que “con este equipamento facemos accesible a práctica do baloncesto para todas e todos e, de xeito especial, ás cativas e cativos”. O edil de Deportes lembrou, ademais, que “as próximas canastras se instalarán no Camiño Romai e na praza Viana do Castelo, ao tempo que se está a traballar noutras canchas deportivas exteriores para que estean en óptimas condicións de cara á primavera”.