Connect with us

Fútbol Sala

Oda ao fútbol sala de formación no derbi capitalino para despedir a Preferente infantil

Na derradeira xornada da liga infantil preferente masculina, Ribeira F.S. en Boas Máns e Lugo Sala Acasti Refformas protagonizaron un apaixonante derbi lucense no Polideportivo Somos Fútbol. A pesar de que ningún dos dous equipos tiña obxectivos clasificatorios en xogo, os dous conxuntos brindaron un espectáculo cheo de intensidade, ritmo e goles, como adoita ser habitual nos grandes derbis.

RIBEIRA F.S. EN BOAS MÁNS 6 – 4 LUGO SALA ACASTI REFFORMAS

Polideportivo Somos Fútbol 

Descanso: 2-2 

Final: 6-4 

ALIÑACIÓNS

Ribeira F.S. En Boas Máns: Matías (1), Martín (2), Dani Cabanas (3), Unai (4), Yoel (5) 

Banquiño: Hugo Arrojo (6), Sergio (7), Aleix (8), Alberto (9), Ángel (10), Hugo Jartin (11), Antón (12)

Lugo Sala Acasti Refformas: Asier, Lucas, Mateo, Álex, Xoel 

Banquiño: Alan, Iker, Pablo, Daniel, Enzo, Yeray

GOLEADORES

Ribeira F.S.: Unai (3), Antón (1), Aleix (1), Ángel (1) 

Lugo Sala: Lucas (2), Xoel (1), Pablo (1)

DESENVOLVEMENTO DO PARTIDO

A primeira parte foi unha mostra de igualdade e intensidade, con dous equipos entregados. O Ribeira aproveitou o seu bo posicionamento e as rápidas transicións para adiantarse cun 2-0 grazas a dúas contras mortais a mediados do primeiro tempo. Pero, o Lugo Sala non baixou os brazos. Cun fútbol combinativo e unha presión alta, acadaron o empate antes do descanso, cun par de boas xogadas que sorprenderon á defensa rival e a un inspirado Matías baixo paus.

Tras o intermedio, o Ribeira saíu como un ciclón. Unai, nun estado de forma excepcional, asinou un hat-trick en apenas cinco minutos, rompendo o partido e situando un 5-2 que parecía definitivo. O Lugo Sala buscou reaccionar e logrou recurtar diferenzas cun gol en contra, pero a resposta do Ribeira foi inmediata cun 6-3 que deixaba case sentenciado o derbi. Xa nos últimos compases, os visitantes anotaron o 6-4 definitivo dende o dobre penalti a falta de 15 segundos, poñendo fin a un duelo que fixo xustiza ao espírito competitivo dos dous equipos.

XOGADORES DESTACADOS

Ribeira F.S.:

3 puntos: Unai 

2 puntos: Hugo Jartin 

1 punto: Yoel 

Lugo Sala Acasti Refformas: 

Todos os xogadores, polo gran traballo durante a tempada e por rematar na 4ª posición.

CLAVES DO PARTIDO

Ribeira F.S.: O arranque espectacular da segunda parte, cun parcial de 3-0 en 5 minutos. 

Lugo Sala: A súa insistencia e capacidade de reacción, especialmente na primeira metade, cando conseguiron remontar un 2-0 en contra.

DECLARACIÓNS POST-PARTIDO

César,adestrador Ribeira F.S.: 

«Derbi precioso no que gañou o que acertou máis de cara a portería.»

Jose adestrador Lugo Sala Acasti Refformas: 

«Rematamos unha gran tempada cunha cuarta posición moi meritoria. Hoxe competimos ata o final nun derbi que amosa o nivel do fútbol sala lucense.»

Un partido que pecha a tempada cun gran sabor de boca e que reafirma o bo traballo formativo de dous clubes que seguen sendo referencia no panorama local.

Patrocinio