Connect with us

Voleibol

O xuvenil do Emevé San Lorenzo cede ante o acerto de Quiroga no derbi

As lucenses manteñen a liña competitiva tras dúas vitorias seguidas e xa pensan no duelo directo coa Xiria

O Emevé San Lorenzo non puido sumar no derbi provincial da Segunda División xuvenil feminina fronte ao Quiroga, que se levou o encontro por 3-0 (25-15, 25-23 e 25-20). A pesar do resultado, as lucenses deixaron mostras claras de carácter e competitividade, especialmente nos dous últimos sets, nos que o partido estivo moi aberto.

O primeiro parcial estivo condicionado por un inicio máis sólido do conxunto local, que marcou diferenzas desde o saque. Co paso dos minutos, o Emevé San Lorenzo foi asentándose na pista e no segundo set ofreceu a súa mellor versión: orde en recepción, continuidade no xogo e capacidade para discutir cada punto, chegando a un tramo final moi igualado que se resolveu por pequenos detalles. O terceiro set seguiu un guión semellante, con alternancias e unha boa resposta das lucenses, que nunca lle perderon a cara ao partido.

A derrota chega despois de dúas vitorias consecutivas que reforzaran a confianza do equipo, pero non altera a boa dinámica dun grupo que segue medrando e competindo en encontros de máxima esixencia. O rendemento colectivo e a actitude mostrada no derbi confirman a progresión do Emevé nesta categoría.

Na próxima xornada, as lucenses volverán xogar a domicilio, desta volta fronte á Xiria, nun duelo directo pola quinta posición que se presenta clave para seguir avanzando na clasificación e dar continuidade ás boas sensacións amosadas nas últimas semanas.

Advertisement