A colaboración permitirá celebrar en Lugo concentracións e partidos de varias seleccións nacionais, incluídas as absolutas masculina e feminina.
A cidade acollerá a Golden League masculina, un amigable de preparación para o Europeo feminino e o preeuropeo sub16 masculino con presenza lucense.
“Este acordo consolida a Lugo como un referente estatal no voleibol e dá continuidade a unha traxectoria de éxito”, valorou o alcalde, Miguel Fernández.
O Concello de Lugo e a Real Federación Española de Voleibol estableceron un acordo de colaboración que converterá o Pabillón Municipal nun espazo clave para o desenvolvemento e proxección das seleccións nacionais. No marco desta alianza, Lugo será sede durante este 2025 de concentracións e competicións oficiais de ata catro equipos estatais, incluídas as seleccións absolutas masculina e feminina.
O alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, visitaron esta mañá aos xogadores da selección sub16 masculina, que se atopa en Lugo preparando o preeuropeo da categoría. O equipo, dirixido polo adestrador lucense Diego Taboada, conta coa participación dos tamén lucenses Nicolás López e Xacobe Fra, ambos do Arenal Emevé. Este torneo celebrarase do 25 ao 27 de abril no Municipal e enfrontará a España con Acerbaixán, Estonia e Austria.
“Para nós é un orgullo que as seleccións españolas escollan Lugo como sede para preparar competicións desta relevancia”, afirmou Miguel Fernández, que destacou “o compromiso do Concello por facer do deporte unha ferramenta de proxección exterior e benestar social”.
Golden League e partido de preparación da absoluta feminina
Entre os eventos máis destacados que traerá este acordo está a celebración da Golden League Europea, na que a selección española absoluta masculina xogará en Lugo do 20 ao 22 de xuño contra Eslovaquia e Letonia. Ademais, a selección absoluta feminina e a sub25 concentraranse na cidade do 6 de xullo ao 9 de agosto e disputarán un amistoso fronte a Portugal o 6 de agosto, preparatorio para o Campionato de Europa.
O Municipal, epicentro das seleccións nacionais en 2025
Lugo acollerá tamén a preparación da selección sub21 feminina entre o 15 de xuño e o 2 de xullo, incluíndo un encontro amigable ante Portugal o 28 de xuño. O acordo culminará co Campionato de España Júnior Feminino, do 14 ao 18 de maio, coa participación do Emevé como club anfitrión. O evento desenvolverase en distintas instalacións da cidade, tendo o Municipal como sede principal.
O alcalde subliñou que “Lugo leva anos traballando para ser un referente no deporte de base e de alto nivel, e este acordo coa Federación é un paso máis nun proxecto de cidade que cre no deporte como motor de cohesión, saúde e promoción exterior”.
O edil Jorge Bustos, con especial vinculación ao voleibol como técnico formador, sinalou que “Lugo conta cun dos mellores pavillóns do país para a práctica deste deporte e cunha traxectoria que o acredita: en 2023 acollimos o Campionato de España Infantil Feminino, en 2024 o Infantil Masculino e agora preparámonos para un novo reto co Júnior Feminino”.
Bustos tamén quixo destacar o papel esencial do Arenal Emevé, “un club exemplar que forma a 500 rapaces e rapazas, e que ata hai unhas semanas era o único de España con equipos masculino e feminino na máxima categoría”. O equipo feminino manterase na Liga Iberdrola e os Loitadores competirán en Superliga 2. “Este recoñecemento tamén é para a familia Bouza, impulsora dun proxecto deportivo que é hoxe un orgullo para toda a cidade”, concluíu o concelleiro.