O Lugo Sala Acasti Reformas sumou un novo triunfo diante do Alto do Vento F.S. nun encontro moi completo, no que o equipo mostrou carácter, personalidade e unha gran primeira metade que resultou decisiva.
Alevín Preferente Masculina
Acasti Reformas Lugo Sala – Alto do Vento F.S.
Resultado ao descanso: 4-1
Resultado final: 4-2
Aliñación: Marco, Rafa, Miguel M., Mateo V., Oli.
Banquiño: Quiroga, Xabi, Otero, Brais, Nico.
Goleadores: Mateo V. (2), Brais, Otero.
O encontro comezou coa mellor versión do Lugo Sala: intensidade, xogo fluído e presenza constante na pista rival. As ocasións chegaron dende o inicio, pero o gol resistíase, e foi o Alto do Vento quen se adiantou nunha acción illada por banda. A reacción lucense foi inmediata: o equipo mantivo a calma e seguiu fiel ao seu estilo, logrando o empate e asinando un tramo final de primeira parte espectacular, con tres goles en apenas tres minutos que deixaron o marcador en 4-1 e reflectiron a súa superioridade.
Na segunda metade, o equipo de Miguel Muñóz baixou un punto o ritmo debido ao esforzo físico da primeira parte. O Lugo Sala tratou de controlar o xogo e manter a vantaxe, mentres o rival buscaba recurtar distancias. A falta de acerto evitou que os lucenses ampliasen a súa renda, e un gol visitante puxo o 4-2. No tramo final, o equipo mantivo a serenidade, defendeu con orde e carácter, e soubo xestionar os últimos minutos para asegurar tres puntos merecidos tras un gran traballo colectivo.
Xogadores destacados: Mateo V., Miguel M., Otero.
Clave do partido: A mentalidade e personalidade do equipo, que se mantivo firme durante os 40 minutos.
Frase de Miguel Muñóz: “Moi contento polos rapaces, polo seu traballo diario; realmente o merecen. Hai que seguir sendo humildes e manter a liña que vimos, seguir medrando como equipo.”
Próximo enfrontamento: O Lugo Sala viaxará a A Coruña para medirse ao Pombo Hércules FS, nun duelo que servirá para medir a súa boa dinámica lonxe da casa.