
O concelleiro Jorge Bustos sinala que «tamén damos prioridade a outras disciplinas de gran peso na cidade, como a ximnasia rítmica, o voleibol, o judo e o piragüismo».
As instalacións municipais acollerán, entre outras, probas puntuables para o Mundial de Motocross, Preeuropeo de Voleibol sub-19, final da Copa Galicia de Fútbol Sala e o Campionato Galego de Judo infantil e cadete.
Ás carreiras populares do Corre con Nós se suma outro novo circuíto, que se disputará o 8 de xuño, cunha proba nas inmediacións de Frigsa.
A área de Deportes, que dirixe Jorge Bustos, presentou está mañá a súa programación ata o mes de xuño, que inclúe 16 grandes eventos deportivos, co atletismo e o fútbol como grandes reclamos, pero tamén con importantes citas doutras disciplinas de gran peso na cidade, como voleibol, motocross, judo, piragüismo e ximnasia rítmica.
De feito, as instalacións municipais e contornas naturais do municipio serán o escenario dalgunhas das citas deportivas a nivel internacional, nacional e autonómico. Neste sentido, o edil de Deportes explicou que unha das probas puntuables para o Mundial de Motocross terá lugar os vindeiros 10 e 11 de maio no circuíto municipal Jorge Prado, mentres que o Pavillón Municipal dos Deportes acollerá, pola súa banda, o Preeuropeo de Voleibol masculino na categoría Sub-19, entre os días 24 e 27 de abril.
Outras probas de gran nivel que acadan cada ano maior participación de toda a comunidade autónoma son o Descenso do Miño, a proba de piragüismo máis veterana de Galicia e a segunda de España despois do Descenso del Sella, prevista para o 7 de xuño, e a Media Maratón El Progreso Cidade de Lugo, que este ano celebrará no mes maio, a súa sétima edición.
Neste sentido, o concelleiro de Deportes fai fincapé en que «trátase de organizar actividades coordinadas en boa medida cos numerosos clubs deportivos da cidade para reforzar así a súa actividade e prestar apoio ás distintas iniciativas que contribúen aínda máis a dinamizar a actividade deportiva do municipio. En definitiva, desde o Concello apostamos por dar respaldo a todas as disciplinas, desde as máis maioritarias ás propostas de deportes minoritarios».
Para o edil Jorge Bustos «esta programación demostra que Lugo é deporte; é unha cidade que aposta por unha gran variedade de disciplinas e desde o Concello de Lugo estamos orgullosos de apoiar todas e cada unha destas iniciativas e grandes probas deportivas». Para o concelleiro desta área «a nova programación conxuga probas puntuables para mundiais, preeuropeos e campionatos nacionais con eventos deportivos de carácter popular, que buscan a promoción do deporte como unha forma de ocio saudable, como unha vía para a socialización e, en moitas ocasións, como unha forma de dar visibilidade a causas solidarias. Por iso, desde o Executivo de Paula Alvarellos estamos moi satisfeitos con esta programación, que abre o deporte a todos os niveis e a unha gran variedade de disciplinas», sinala Jorge Bustos.
O pavillón da Casa do Deporte e o municipal acollerán dous eventos deportivos de ámbito autonómico. Bustos destaca que as instalacións municipais de Frigsa albergarán o 5 de abril a disputa do Campionato Galego de Judo Infantil e Cadete, mentres que o Pavillón Municipal dos Deportes fará o propio o 17 de abril, data prevista para a celebración da Final da Copa Galicia de Fútbol Sala.
Torneos e eventos municipais
Tamén terán lugar outros eventos deportivos de carácter local pero que están a converterse nun referente a nivel deportivo dentro da nosa cidade, como pode ser o Torneo Cidade de Lugo de Ximnasia Rítmica, que o 15 de abril alcanzará a súa cuarta edición; o Torneo de Fútbol 8 Sagrado Corazón; e a segunda edición do Descenso de Carrilanas no barrio da Ponte, que terá lugar o 12 de abril, a partir das catro da tarde.
A nova programación deportiva inclúe tamén algunha novidade como o circuíto das carreiras populares Corre con Nós, que se desenvolverá nunha sexta e nova proba na contorna de Frigsa, o vindeiro 8 de xuño. Pola súa banda o calendario do Corre con Nós celebrará, de abril a xuño, a carreira Corre con Elas, o 16 de marzo en San Fiz; o 20 de abril, a Corre con Nós + XTI, que se disputa en As Saamasas; e a quinta proba, cun percorrido pola contorna do Pazo de Feiras e Congresos, prevista para o 11 de maio.
Novidades e probas solidarias
Outra das novidades deste ano é a primeira Xornada de Tecnificación Fútbolinlugo, para futbolistas de 5 a 15 anos, que terá lugar o 5 de marzo no campo de As Gándaras coa presencia de adestradores titulados. Ademais, haberá outras probas, de caracter popular e solidario, que se inclúen na programación de circuítos de atletismo, como a carreira solidaria da AECC, nas inmediacións da praza Horta do Seminario, que se disputará o vindeiro 12 de abril, e a XV carreira popular solidaria Profe Alberto, o 25 de maio, no barrio da Milagrosa.

