Connect with us

Patrocinio

O Concello de Lugo habilita unha nova convocatoria das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo lucense

O Goberno local aprobará este mércores na Xunta de Goberno Local unha partida de 26.000 euros para recoñecer o esforzo e a capacidade de superación da mocidade deportista lucense.

Poderán optar a estas axudas as persoas federadas que naceran entre 2005 e 2010 e que acrediten logros deportivos na tempada pasada.

“Estas bolsas buscan apoiar á mocidade deportista lucense que, ademais de destacar no ámbito deportivo, transmite unha mensaxe de superación que resulta inspiradora para toda a sociedade», explicou o edil de Deportes, Jorge Bustos.

O Concello de Lugo aprobará este mércores, en Xunta de Goberno Local, unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo, que contará cunha dotación de 26.000 euros. Estas axudas están orientadas a recoñecer o mérito e a superación das e dos deportistas máis novos, que coa súa dedicación e esforzo contribúen a proxectar valores positivos na sociedade.

«Estas bolsas buscan apoiar á mocidade deportista lucense que, ademais de destacar no ámbito deportivo, transmite unha mensaxe de superación que resulta inspiradora para toda a sociedade», explicou o edil de Deportes, Jorge Bustos.

Mellora do rendemento deportivo e académico

O edil Jorge Bustos avanzou que poderán optar a estas axudas as persoas federadas que naceran entre os anos 2005 e 2010 –sen límite de idade no caso de deportistas con diversidade funcional–, e que destacaran pola súa participación en eventos deportivos a nivel autonómico ou nacional durante o ano 2023.

«Queremos facilitar que as e os mozos deportistas poidan seguir desenvolvendo o seu talento sen renunciar ao reforzo académico que necesitan para o seu futuro,» indicou o responsable de Deportes, quen tamén destacou que «o compromiso do Goberno local é garantir as condicións necesarias para que as novas xeracións sigan alcanzando os seus soños».

Entre os criterios de avaliación, valoraranse os méritos acadados en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto), así como a superación do curso académico 2022/2023.

«A nosa prioridade é fomentar a práctica da actividade física e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental ofrecerlles o respaldo económico que precisan», engadiu Jorge Bustos.

As Bolsas Municipais ao Talento Deportivo Individual levan convocándose desde o ano 2008, e preto de 700 deportistas xa se beneficiaron desta iniciativa que reafirma o compromiso do Concello de Lugo co deporte como ferramenta de cohesión social e promoción dos valores de esforzo e superación.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As persoas interesadas deberán entregar a documentación no Rexistro Xeral do Concello ou empregar os medios establecidos pola Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común.

Patrocinio