Connect with us

Fútbol Sala

O Cadete Masculino do Ribeira, o Carpintería J.D.R. queda ás portas do empate ante o 5 Coruña

Un mal inicio penalizou aos lucenses, que loitaron ata o final pero non puideron culminar a remontada

Ribeira Carpintería J.D.R. – 5 Coruña FS

Resultado ao descanso: 1-3
Resultado final: 4-5
Aliñación : Erik, Iago, Mario, Pablo, Arrojo
Banquiño : Aaron, Samuel, Erik, Adri, Moirón
Goleadores: Arrojo 2, Mario 1, Iago 1

Resumo do partido:
Ao igual que na anterior xornada, un mal comezo lastrou ao Ribeira, que aos seis minutos xa perdía por 0-3 ante un 5 Coruña moi efectivo nas súas primeiras chegadas. O tempo morto solicitado polos lucenses serviu para reaxustar o xogo e aumentar a presión, xerando ocasións claras pero sen acerto. Arrojo recurtou distancias de dobre penalti e o equipo chegou ao descanso con 1-3 no marcador.

Na segunda metade, os lucenses tentaron impoñer o seu estilo a través do balón directo ao pivote e dunha presión alta. Esa intensidade tamén deixou espazos que o 5 Coruña aproveitou para poñer o 1-4. Lonxe de renderse, o equipo de Iago Baamonde seguiu buscando o gol e, de novo Arrojo, reduciu a diferenza cun novo tanto a balón parado. Mario fixo o 3-4 a cinco minutos do final e, xa con porteiro xogador, o Ribeira dispuxo de varias ocasións para empatar antes de encaixar o 3-5. No último medio minuto, Iago anotou o 4-5 que devolveu as esperanzas, pero o tempo non deu para máis.

Clave do partido:
O mal arranque inicial condicionou ao Ribeira, que tivo que remar a contracorrente ante un rival moi acertado de cara a portaría.

Destacados da xornada: 1-Iago, 2-Arrojo, 3-Mario

Frase de Iago:
«Os minutos iniciais obrigáronnos a remar durante o resto do partido. Malia isto, estou contento pola intensidade do equipo e a capacidade de reaccionar ante situacións complicadas, pese a non poder puntuar.»
Próximo rival:
Lago Sport, un equipo sempre competitivo que obrigará ao Ribeira a manter a concentración dende o primeiro minuto para volver sumar puntos importantes.

Advertisement