As lucenses confirman a súa boa dinámica ante Zalaeta
O Arenal Emevé pechou a súa participación competitiva en 2025 na Primeira División infantil feminina cunha vitoria moi traballada por 3-1 fronte a Zalaeta. As lucenses amosaron un bo nivel colectivo e capacidade de reacción para impoñerse nun encontro esixente e confirmar o seu bo momento tras dúas xornadas consecutivas sumando puntos.
O partido comezou cun primeiro set no que o Arenal Emevé levou a iniciativa desde o inicio. Cun xogo ordenado e efectivo, as lucenses mantiveron pequenas vantaxes que lles permitiron pechar o parcial por 25-21. No segundo set, Zalaeta conseguiu igualar o ritmo do encontro e aproveitar algúns detalles para levar o parcial por un axustado 22-25.
Lonxe de acusar o golpe, o Arenal Emevé respondeu cun terceiro set moi completo. As lucenses recuperaron o control do xogo, mostraron maior regularidade e pecharon o parcial por 25-20, encarrilando o encontro. No cuarto set, o dominio foi máis claro, cun Emevé moi concentrado que non deu opcións ao rival e certificou a vitoria cun contundente 25-15.
Con este triunfo, o Arenal Emevé sitúase como cuarto clasificado tras oito partidos disputados, cun balance de cinco vitorias e tres derrotas, confirmando unha clara tendencia positiva nas dúas últimas xornadas.
A competición despídese agora ata o novo ano, e as lucenses volverán á acción xa en 2026 coa primeira xornada visitando ao Colexio Liceo La Paz, nun novo reto para seguir consolidando a súa progresión.