
O Arenal Emevé acadou a novena posición no Campionato de España Júnior Feminino de Voleibol, que se disputou en Lugo entre os mellores equipos da categoría a nivel estatal. O club lucense, que actuou como anfitrión, completou un bo torneo ante a súa afección, cun balance de cinco vitorias e dúas derrotas.
Na primeira fase, enmarcado no Grupo A, o conxunto local impúxose con claridade ao CV Valdefierro (3-0, con parciais de 25-19, 25-15 e 25-8) e ao C.V. Finestrat-Elche (0-3: 12-25, 15-25, 22-25). A única derrota nesta fase chegou fronte ao CV Barcelona-Barça (0-3: 21-25, 18-25, 17-25), equipo que asinou un gran torneo acadando o subcampionato final.
Con dous triunfos e unha derrota, o Arenal Emevé pasou ás eliminatorias polo título como segundo clasificado do Grupo A. En oitavos de final, as lucenses caeron ante o CV Premià de Dalt Maresme por 0-3 (13-25, 15-25, 14-25), o que as relegou á loita polos postos do 9º ao 16º.
A partir dese momento, o equipo local demostrou carácter e solidez para pechar o campionato cun pleno de vitorias. En primeiro lugar, superaron ao CV Sant Joan por 0-3 (22-25, 20-25, 22-25). Logo venceron ao CV Torrejón (1-3: 17-25, 18-25, 25-23, 21-25) e finalmente impuxéronse ao Mairena Vóley Club nun axustado partido a cinco sets (2-3: 25-19, 17-25, 17-25, 25-23, 7-15).
Deste xeito, o Arenal Emevé despediu o campionato cun meritorio noveno posto e un gran papel como organizador do evento nacional, deixando unha excelente imaxe tanto dentro como fóra da pista.

