O xuvenil masculino do Millavén CP Lucense iniciou a súa andaina na Copa Federación cunha traballada e merecida vitoria ante o BM Pontedeume, nun duelo xa coñecido entre ambos equipos, que se enfrontaban por terceira vez esta tempada. Co triunfo, os lucenses poñen o balance particular en 2-1 ao seu favor.
O encontro seguiu o guión das citas anteriores: máxima igualdade e moita intensidade dende o primeiro minuto. As alternancias no marcador foron constantes na primeira metade, sen que ningún dos dous conxuntos lograse despegarse con claridade. Foron os visitantes os que conseguiron irse ao descanso cunha mínima vantaxe (14-15), reflexo da paridade que se vivía na pista.
Na reanudación, o pulso competitivo mantívose, con ambos equipos respondendo a cada golpe do rival. Non foi ata os últimos dez minutos cando o Millavén deu un paso adiante definitivo. Cun arreón cheo de carácter, os locais abriron unha brecha no marcador e asinaron un parcial de 15-11 na segunda metade que lles permitiu pechar o encontro cun 29-26 final.
Destacaron no apartado anotador Adri (8 goles), Pablo (7) e Lucas (6), claves na ofensiva lucense, acompañados por un gran traballo colectivo que se fixo notar nos minutos decisivos.
Un triunfo de peso para arrancar a competición copera con bo pé e reforzar as sensacións dun grupo que continúa a medrar partido a partido.