Os lucenses compiten ata o final pese aos erros no lanzamento
O Cadete Masculino do Millaven CP Lucense caeu por 33-31 na súa visita ao Arteixo, nun encontro no que os erros no lanzamento acabaron penalizando a un equipo que tivo opcións reais ata os últimos minutos.
O inicio foi esperanzador para os lucenses, que entraron moi ben no partido e axiña lograron unha vantaxe de catro goles (2-6). O Millavén amosaba fluidez ofensiva e boa disposición en pista, pero dous ataques desaproveitados para ampliar a renda ata os seis tantos marcaron un punto de inflexión. A partir dese momento, os locais foron gañando confianza e conseguiron darlle a volta ao marcador, chegando ao descanso cun 15-11 favorable.
Na segunda metade, o conxunto lucense non baixou os brazos. Cunha reacción baseada na insistencia e no traballo colectivo, conseguiu reducir a diferenza ata un só gol, mantendo o encontro aberto. André destacou como referencia ofensiva con 13 tantos, ben secundado por Brayan (8) e David (7), sostendo ao equipo nun tramo de máxima esixencia.
Porén, novos erros no lanzamento impediron culminar a remontada, circunstancia que o Arteixo soubo aproveitar para conservar a iniciativa ata o definitivo 33-31. A pesar da derrota, o Millavén deixou mostra da súa capacidade competitiva e da súa ambición nun partido moi disputado.