O penúltimo encontro de liga levou ao Lugo Sala Acasti Reformas ata o sempre complicado pavillón da Rosaleda, onde o Benavente, xogándose o descenso, fixo valer o factor cancha cun ambiente de máxima intensidade. O partido comezou cun ritmo elevado e moita disputa en cada acción. Aos catro minutos, o conxunto local adiantouse no marcador, poñendo o 1-0. Lonxe de descompoñerse, os lucenses mantiveron a calma e responderon con madurez, atopando o empate por medio de Javier. Iago rubricou a remontada antes do descanso cun bo gol que deixou o 1-2 no electrónico.
Tras o paso por vestiarios, o Benavente saíu decidido a por todo e apostou polo xogo de cinco dende moi cedo. As ocasións máis claras foron para os locais, pero atopáronse cun Lugo Sala moi sólido en defensa, que se amosou como un auténtico muro. Os visitantes, lonxe de recuar, tiveron tamén oportunidades para sentenciar, e finalmente, no último minuto, Anxo puxo o 1-3 que parecía definitivo. Con todo, o Benavente logrou recortar de inmediato para o 2-3 final, pero xa sen tempo para máis.
Aliñación titular : Iker Cupeiro Rois – Anxo Veiga González – Diego Pérez Caloto – Iago Núñez Pereira – Javier García Arrojo
Banquiño : Sergio Vila Candal – Pedro Fernández López – Hugo Sanfiz Álvarez – David Dorado Marqués – Manuel José de la Torre Illán
Os tres mellores : 3 puntos: Javier; 2 puntos: Iago; 1 punto: Anxo
Clave do partido:
A boa defensa ante o xogo de cinco e o feito de non encaixar un gol temperán foron decisivos para manterse no encontro e levar os tres puntos a Lugo.
Próxima xornada:
Última xornada de liga para o Lugo Sala Acasti Reformas, que recibirá ao Vigo 2015, equipo que loita pola permanencia xunto ao outro representante da cidade, o Ribeira F.S.