Máis de cincuenta deportistas e especialistas participarán en conferencias, exhibicións e competicións abertas ao público.
Máis de cincuenta deportistas e especialistas participarán en conferencias, exhibicións e competicións abertas ao público.
“Lugo volve demostrar que sabe mirar ao pasado para construír futuro a través do deporte”, destacou o edil Jorge Bustos.
Do 7 ao 9 de novembro, Lugo converterase no epicentro internacional da recreación deportiva histórica coa celebración da Semana Internacional do Deporte Antigo, un encontro que situará a cidade como referente europeo na recuperación das disciplinas deportivas da Antigüidade. O evento, organizado pola Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo en colaboración coa asociación Lucius Spiculus Divulgación, combinará divulgación, práctica e espectáculo nunha programación aberta á cidadanía e con presenza de especialistas de España e Italia.
O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, subliñou que “esta semana permítenos coñecer as orixes de moitos deportes actuais e vivir unha experiencia única que une rigor histórico, educación e participación cidadá”. Engadiu ademais que “cada edición reforza a imaxe de Lugo como cidade que aposta pola cultura e o deporte como ferramentas de cohesión social e dinamización turística”.
A programación arrincará o venres 7 de novembro ás 20.00 horas na Casa da Xuventude, coa ponencia O deporte clásico na actualidade, impartida polos divulgadores e atletas Adrián Mirón Chaos e Alejandro Barrio Arias, quen analizarán a vixencia dos valores deportivos da Antigüidade e a súa conexión co deporte contemporáneo.
O sábado 8, o protagonismo trasladarase ao Complexo Deportivo de As Pedreiras, onde ás 12.00 horas se celebrará un adestramento aberto ao público, no que as persoas asistentes poderán observar e experimentar algunhas das técnicas básicas do Harpastum. Pola tarde, ás 17.00 horas, os mesmos divulgadores ofrecerán na Casa da Xuventude a ponencia Os orixes do Harpastum, centrada na historia deste xogo romano de pelota. O día culminará ás 20.00 horas en As Pedreiras co partido internacional entre as seleccións de Italia e España, un dos momentos máis agardados da semana, no que o público poderá presenciar unha recreación fiel e dinámica deste deporte da Antigüidade.
A xornada final terá lugar o domingo 9 de novembro ás 12.00 horas, no Campo de Rugby de San Fiz – Montirón, coa exhibición dos Xogos Panhelénicos infantís, unha actividade aberta ao público, deseñada para que nenas e nenos coñezan e practiquen disciplinas deportivas inspiradas nas competicións da Grecia clásica, como o lanzamento de disco, a carreira ou o salto.
Nesta edición, o Harpastum será o eixe central das actividades. Practicado polas lexións romanas como método de adestramento e entretemento, era un xogo de pelota con compoñentes de estratexia e loita, considerado un antecedente do rugby moderno. “A súa recuperación é unha forma de comprender como o deporte servía tamén para fortalecer a disciplina, o espírito de equipo e a convivencia”, explicou Jorge Bustos, quen destacou o labor investigador e divulgativo de Lucius Spiculus Divulgación.
A asociación, colaboradora habitual do Arde Lucus, traballa desde 2020 na recreación e difusión das prácticas deportivas da Antigüidade, participando en eventos en cidades como Mérida, Turín ou Roma. A súa presenza en Lugo reforza o compromiso do Concello por ofrecer programacións culturais e deportivas que unan tradición, participación e divulgación. “Queremos que cada veciño e visitante atope nesta Semana unha forma diferente de achegarse á nosa historia, aprendendo, practicando e desfrutando do patrimonio que nos define”, concluíu Bustos.