As lucenses amosan solidez ante o Pontedeume e carácter competitivo para remontar en Santa Comba
O Infantil Feminino do Millaven CP Lucense viviu unha fin de semana redonda ao sumar dous triunfos nos seus compromisos ligueiros, primeiro ante o BM Pontedeume (31-19) e posteriormente na súa visita ao Xallas (20-21).
No encontro disputado o venres, o Millavén ofreceu unha actuación moi completa. Ao descanso xa dominaba por 16-12, tras unha primeira metade seria en ataque e defensa. Na reanudación, o equipo deu un paso máis, deixando ao seu rival en só sete goles cun parcial de 15-7 que rompeu definitivamente o partido. Lola e Aicha, con 10 tantos cada unha, lideraron a produción ofensiva, ben acompañadas por Lina (4), Jimena (3) e Natalia (2), nun triunfo construído desde a firmeza defensiva e a continuidade no xogo.
A segunda alegría chegou na mañá do sábado en Santa Comba. O Millavén viuse superado na primeira metade, chegando ao descanso cun 15-10 en contra. Porén, a reacción tras o paso polos vestiarios foi determinante. As lucenses protagonizaron un parcial de 5-11 que lles permitiu remontar o marcador e asegurar unha vitoria moi traballada por 20-21. Lola volveu ser referencia con 9 goles, mentres que Lina (4), Aicha (4), Natalia (3) e Jimena (1) contribuíron a culminar a remontada.
Dous partidos, dúas vitorias e unha demostración de solidez e capacidade de reacción dun Millavén que segue medrando en competitividade.