Connect with us

Balonmán

Fin de semana de reacción para o Juvenil Masculino do Millavén

Derrota axustada ante o Bueu e resposta con carácter en Vigo para manter vivas as opcións.

O Juvenil Masculino do Millavén CP Lucense viviu unha xornada de sentimentos contrapostos. O sábado quedou sen premio nun duelo de máxima igualdade, mentres que o domingo soubo levantarse para sumar dous puntos de valor na súa visita ao Carballal.

No primeiro encontro, ante o Bueu, o partido desenvolveuse con alternancias constantes e diferenzas mínimas para un e outro lado. Ao descanso o marcador era de 12-12, reflexo da igualdade sobre a pista. Na segunda metade mantívose esa tónica, pero nos minutos finais foron os visitantes quen lograron inclinar a balanza para pechar o choque no 23-26.

No plano ofensivo destacou Lucas, autor de 8 goles, acompañado por David e Amir (4), así como por Adri (3) e Rodrigo (2), nun encontro decidido por pequenos detalles.

Lonxe de deixarse afectar, os lucenses reaccionaron ao día seguinte no partido aprazado ante o AD Carballal. En Vigo, Millavén mostrou un xogo serio e consistente nas dúas áreas. Tras unha primeira metade equilibrada, á que se chegou con 13-13, o equipo deu un paso adiante na segunda parte, mellorando o seu rendemento ofensivo para levar o marcador ao definitivo 27-29.

Nesta ocasión, Lucas volveu liderar o ataque con 12 goles, ben secundado por Adri e Rodrigo (5 cada un) e por Amir (4). A solidez colectiva permitiu aos lucenses regresar a Lugo cos dous puntos e manter opcións de cara ás últimas xornadas.

Millavén CP Lucense 23 – Bueu 26 (12+11)
Alineación: Martín e Alex; Lucas (8), Miguel, Álvaro, Adri (3), David (4), Hugo, Rodrigo (2), Víctor, Xan, Brayan (1), Feijoo (1), André e Amir (4).
Árbitros: Alfonso Canitrot e Sara Gómez.

AD Carballal 27 – Millavén CP Lucense 29 (13+16)
Alineación: Martín e Alex; Lucas (12), Miguel, Adri (5), David (1), Rodrigo (5), Víctor (1), Xan (1), Brayan, André (2) e Amir (4).
Árbitro: Martín Rodríguez.

Advertisement