O Ribeira Meizoso Fernández pechou a súa brillante tempada cunha loita sen tregua nos oitavos de final da Copa Infantil Feminina, caendo por un axustado 5-4 ante un bon Lago Sport, nun partido disputado no Pavillón Municipal de As Somozas. As xogadoras dirixidas por Rubas demostraron carácter e coraxe ata o último segundo.
Lago Sport 5 – 4 Ribeira F.S.
Pavillón Municipal de As Somozas
Alineación inicial: Leire – Shaila – Alma – Nerea – Irene
No banquiño: Antia – Laura – Sara – Helena – Carmen – Aldara – Carla
Goleadoras: Alma (2), Nerea, Shaila
A primeira metade foi un auténtico pulso táctico. Os dous equipos medíanse con moito respecto, alternando chegadas pero sen excesivo perigo. Non foi ata o minuto 11 cando as locais conseguiron abrir o marcador, aproveitando unha das súas escasas ocasións claras. A resposta do Ribeira non se fixo esperar, e no minuto 15 Alma asinaba o empate cun gran gol. Porén, antes do descanso, o Lago Sport impuxo a súa pegada con dous goles consecutivos, marchando ao vestiario cun 3-1 a favor.
A segunda parte comezou cun novo golpe para o Ribeira, o 4-1 nada máis arrincar, que pareceu definitivo e afectou emocionalmente ao equipo lucense. Pero as luguesas non baixaron os brazos. Alma, de novo, deu esperanzas co 4-2. As locais volveron golpear no minuto 40 co 5-2, pero a reacción final das visitantes foi memorable. Nerea, a falta de 3 minutos, fixo o 5-3, e case sen tempo para máis, Shaila puxo o 5-4, co que se chegou ao final do encontro.
A clave do partido
A pegada do Lago Sport en momentos clave da primeira parte e o gol ao pouco de comezar o segundo tempo foron determinantes. O Ribeira, aínda así, mostrou unha entrega e unha fe no xogo que define a súa tempada: loita, compañeirismo e orgullo ata o último segundo.
Con este encontro, o Ribeira F.S. Meizoso Fernández dá por rematada unha tempada que deixa moito máis que resultados, deixa un equipo unido, con futuro, e que soubo competir con valentía ata os oitavos de final dunha Copa, que agarda a vindeira tempada .