O CD Dezportas Goce Viajes caeu por un axustado 2–3 fronte ao Nautalia Viajes na 14ª xornada da 1ª División Galega, nun encontro moi competido que se decidiu por pequenos detalles e no que os nosos xogadores volveron ofrecer unha gran imaxe.
O inicio foi positivo para o Dezportas, co triunfo no dobre de Mateo Sánchez e Iván Rois, que se impuxeron por 3–1 (11-4, 8-11, 11-8, 11-7), mostrando unha boa compenetración e control do xogo.
Nos individuais, Óliver López protagonizou dous encontros de máxima igualdade. No primeiro, ante José Yáñez, chegou ao quinto set tras un gran esforzo, pero acabou cedendo por 2–3. Nun guión similar, tamén forzou o quinto set fronte a Modesto Carrasco, caendo novamente por 2–3, en dous partidos nos que estivo moi preto de sumar.
Pola súa banda, Mateo Sánchez non puido superar a Modesto Carrasco (0–3), mentres que Iván Rois logrou unha importante vitoria ante Javier Blanco por 3–2, nun duelo moi intenso e cheo de alternancias que resolveu con sangue frío nos momentos decisivos.
O marcador final de 2–3 reflicte a igualdade vivida ao longo de todo o encontro, no que o CD Dezportas volveu competir a gran nivel, quedando moi preto dun resultado máis favorable.
Unha derrota que deixa boas sensacións e confirma a evolución dos nosos mozos.