O Arenal Emevé infantil masculino pechou á súa tempada cun meritorio decimoterceiro posto no Campionato de España disputado en Castelló. Esta cita foi o último Nacional da tempada para o club lucense, que xa participara anteriormente nas categorías júnior, xuvenil feminina e cadete feminina.
O equipo non tivo fortuna co sorteo inicial, quedando encadrado nun complicado grupo xunto a dous dos grandes favoritos ao título: o Leganés e o FC Barcelona. No encontro inaugural, os lucenses caeron ante o Leganés por 3-1. Na segunda xornada, conseguiron impoñerse ao Melilla cun sólido 3-0, o que lles deu opcións de pelexar polo pase ás eliminatorias polo título. Porén, o soño esvaeuse tras caer por 0-3 ante o Barcelona.
Fora da loita polos primeiros postos, o Arenal Emevé centrouse nos postos do 13 ao 24. Foi nesa fase onde amosaron o seu carácter competitivo, vencendo con claridade ao Sporting Santo Domingo e ao Oviedo, o que lles permitiu acadar a mellor posición posible nesta parte do cadro: un decimoterceiro posto final.
Con este resultado, o Arenal Emevé pecha unha excelente tempada, coroada anteriormente co título galego infantil masculino. Un broche de ouro para un grupo que promete seguir dando alegrías ao voleibol lucense.