Na última xornada da tempada, o Casás visitaba a pista do Marín Futsal nun encontro cheo de intensidade, alternativas e moito mérito por parte do conxunto visitante, que competiu con valentía a pesar das numerosas baixas. O marcador final (7-4) non reflexa a entrega dun equipo que puxo en apertos a un rival con máis rotacións e profundidade de banquiño.
Aliñación inicial do Casás: Carballo – Pablo – Servando – Isra – Manu Diéguez
Banquiño: Toni, Hugo, Jorge, Lautaro
Resumo da primeira parte:
O partido comezou cun Casás decidido e combativo, abrindo o marcador no minuto 4 cun tanto de Isra, que puxo o 0-1 e marcaba o ton da primeira metade. A resposta local non se fixo agardar e no minuto 9 chegou o empate. Mais o equipo dirixido por Ángel non se dobregou, outra vez Isra adiantou aos lucenses co 1-2. O intercambio de golpes continuou, empate do Marín no 14’, novo gol visitante obra de Pablo no 17’ para o 2-3, e dous zarpazos consecutivos dos locais antes do descanso deixaban un 4-3 adverso pero con sensacións positivas polo xogo ofensivo despregado polo Casás.
Resumo da segunda parte:
Co inicio da segunda metade, o Marín fixo valer o seu fondo de armario. O 5-3 chegou nada máis comezar, mentres o Casás sufría o desgaste físico das baixas. A pesar do esforzo colectivo e dunha defensa que resistía , no minuto 31 os locais anotaban dous goles consecutivos que puxeron terra de por medio , co 7-3. O Casás, lonxe de renderse, seguiu pelexando ata o final.
E no último minuto do partido, Isra, auténtico referente ofensivo do encontro, selaba o seu hat-trick e deixaba o 7-4 definitivo.
Cabe destacar a todo o equipo, polo esforzo colectivo, a entrega sen condicións e o compromiso mostrado en todo o partido.
Clave do partido:
A falta de recambios penalizou aos visitantes, especialmente na segunda parte, mentres o Marín soubo aproveitar as súas ocasións cunha maior frescura física.
Declaracións de Ángel:
«Fantásticos en loita e sacrificio. Nada que pedir a estes rapaces. Orgullo de cada un deles.»