Connect with us

Fútbol Sala

As baixas mermaron ao Lugo Sala Acasti en León

O conxunto lucense competiu con orgullo ante o Trepalio, pero a falta de rotación e o acerto local marcaron o resultado final.

Xuvenil División de Honra
Trepalio León – Lugo Sala Acasti Reformas

Resultado ao descanso: 2-1
Resultado final: 5-2

Aliñación: Álex, Rión, Lois, Iago N., Sanfiz
Banquiño: Vila, Dela, Gabri, Rodrigo
Goleadores: Iago, Álex Rión

Xogadores destacados:

  1. Álex Rión
  2. Iago Nuñez
  3. Sanfiz

Resumo do partido:
O Lugo Sala Acasti Reformas visitou unha das pistas máis complicadas da categoría con varias baixas sensibles, pero aínda así realizou un partido digno e competitivo. O inicio foi esperanzador, con varias ocasións claras para adiantarse no marcador, pero a falta de acerto de cara a porta impediu que se materializaran as oportunidades. O Trepalio aproveitou dúas accións con rebotes e xogadas individuais para poñerse 2-0, pero os de Christian reaccionaron nos minutos finais da primeira metade apostando polo porteiro-xogador. Esa decisión sorprendeu ao conxunto leonés, que non soubo defender a superioridade lucense, e Iago recortou diferenzas antes do descanso cun tanto de estratexia (2-1).

Na segunda metade, o cansazo e a curta rotación pasaron factura. O Trepalio ampliou a vantaxe cun terceiro gol nada máis comezar, e a partir de aí o Lugo Sala apostou de novo polo porteiro-xogador para manter a posesión e buscar o empate. As boas circulacións de balón non atoparon finalización, e o rival castigou cun gol a portería baleira para o 4-1. Aínda así, os lucenses non se renderon e volveron marcar tras un roubo en primeira liña, obra de Álex Rión, pero un novo erro en saída de balón deixou o 5-2 definitivo.

Clave do partido:
A falta de acerto nas accións de porteiro-xogador e as escasas rotacións pola acumulación de baixas condicionaron o tramo final.

Expulsión:
Iago Nuñez

Frase de Christian:
«Partido con unhas circunstancias complicadas onde o equipo competiu e deu a cara ata o final.»

Próximo rival:
O Lugo Sala Acasti Reformas recibe ao O Parrulo Ferrol, un dos conxuntos máis fortes da categoría e habitual aspirante aos postos altos. O equipo lucense buscará facer valer o factor pista para volver á senda dos puntos e recuperar sensacións positivas.

Advertisement