O evento a prol do deporte inclusivo contará coa participación de 15 asociacións de toda Galicia, entre elas as lucenses Aspnais e San Vicente de Paul, e con case 150 deportistas.
As piscinas municipais de As Pedreiras acollerán esta fin de semana a vixésimo sétima edicios dos Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics, un evento que ten como obxectivo promover o deporte inclusivo e no que tomarán parte 15 asociacións de toda Galicia, que traballan a prol das persoas con discapacidade intelectual. Así se deu a coñecer esta mañá na presentación desta competición, nun acto celebrado no Casa Consistorial, no que o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, fixo fincapé “na importancia deste tipo de torneos para favorecer o deporte inclusivo, mellorando a calidade de vida das persoas e permitindo que a práctica deportiva se desenvolva nun entorno de normalidade, o que a súa vez contribúe a dar visibilidade ás capacidades das persoas con discapacidade intelectual, favorecer a súa integración social e dar a coñecer o importante labor das asociacións e colectivos que traballan neste eido”.
Estes Special Olympics de Natación se desenvolverán o sábado, 29 de marzo, nas piscinas municipais de As Pedreiras, desde as 10.45 horas co desfile inaugural e contarán coa participación de deportistas integrantes de ata 15 asociacións de toda Galicia, entre elas as lucenses San Vicente de Paul e Aspnais, que é ademais a entidade anfitriona. Por iso, agárdase a asistencia de case 150 deportistas, ademais doutras 50 persoas entre adestradores, voluntarios e integrantes da organización.
O presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, puxo en valor que este tipo de eventos “favorecen o desenvolvemento físico, psíquico, emocional e social da persoa con discapacidade intelectual, tendo como consecuencia un aumento da autoestima, mellor preparación para unha vida autónoma ou a potenciación da toma de decisións persoais”.
Ademais de poñer a disposición deste Xogos Autonómicos de Natación as instalacións municipais de As Pedreiras, o Concello de Lugo colaborará co desenvolvemento deste torneo deportivo con outros recursos humanos, xa que para que a boa organización desta competición haberá persoal de apoio e efectivos da Policía Local e de Protección Civil. Deste xeito, desde a área de Deportes do Concello de Lugo preténdese tamén unha “colaboración máis fluída cos colectivos sociais que traballan neste eido e abrir á cidadanía en xeral este tipo de eventos. Sempre dicimos que Lugo é deporte pola importancia e o peso que ten na nosa cidade; polos distintos clubs deportivos que son os mellores embaixadores de Lugo e de Galicia e polo traballo que fan nas categorías inferiores e o deporte base. Todo isto, loxicamente, tamén é parte do deporte inclusivo que impulsan estes colectivos, polo que as administracións temos a obriga de apoiar este tipo de iniciativas para fomentar a inclusión social e deportiva”, sinalou Jorge Bustos.