O programa inclúe propostas creativas, deportivas e de ocio saudable para a mocidade lucense como xogos tradicionais, obradoiros de cociña, pintura ou fotografía, deportes alternativos, escape rooms, laser tag, música e ata unha festa saudable de peche.
Desenvolverase todos os sábados, do 12 de abril ao 26 de xullo, en diferentes espazos da cidade, entre as 16:30 e as 21:30 horas.
Jorge Bustos destaca que “seguimos ofrecendo alternativas de lecer saudable que fomentan a creatividade, o deporte e a convivencia entre a mocidade de Lugo”.
O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, pon en marcha unha nova edición dos Sábados +XTi, unha proposta que combina ocio, deporte, creatividade e sensibilización social, destinada á mocidade lucense de entre 12 e 30 anos.
Durante os meses de abril, maio, xuño e xullo, diferentes espazos da cidade acollerán un amplo abano de actividades pensadas para fomentar hábitos saudables, favorecer a creatividade e ofrecer alternativas de lecer en contornas seguras. A programación arrancará o venres 11 de abril cunha sesión de expresión artística, dramatización e xogos alternativos no Centro Cultural Uxío Novoneyra, e continuará o sábado 12 de abril con xogos tradicionais no parque Rosalía de Castro.
Así o informou o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, quen subliñou que “seguimos apostando por propostas que fomenten hábitos saudables entre a nosa mocidade, por iso animamos a todos os rapaces e rapazas a participar e a aproveitar esta oportunidade para desfrutar do deporte e da convivencia en espazos seguros”.
A actividade desenvolverase todos os sábados ata o 26 de xullo, en horario de 16:30 a 21:30 horas, en espazos como o CC Uxío Novoneyra, o Parque Rosalía de Castro, o campo universitario de rugby, a ponte romana, o parque de Saamasas ou o paseo fluvial do Miño, entre outros. En caso de choiva, as actividades ao aire libre serán substituídas por propostas alternativas no Uxío Novoneyra.
O programa inclúe xogos tradicionais, xincanas, escape rooms, obradoiros de cociña saudable, actividades deportivas como rugby, flag football, slackline ou street work-out, música, pintura creativa, fotografía con smartphone, rastrexos, rutas de interpretación, laser tag ou unha festa saudable como colofón final.
A actividade estará dirixida por persoal especializado e monitores titulados, garantindo así un espazo seguro e dinámico onde a mocidade poida gozar do seu tempo de lecer de maneira saudable. A participación é totalmente gratuíta, e a inscrición realizarase cada día no propio espazo de celebración, seguindo unha orde de chegada ata completar as 30 prazas dispoñibles por xornada.
Na edición anterior, esta iniciativa contou coa participación de máis de 400 rapaces e rapazas, consolidándose como unha proposta de éxito e con gran demanda. A actividade enmárcase no proxecto +XTÍ 2025, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e financiado polo Concello de Lugo e o Plan Nacional sobre Drogas.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web www.lugomasxti.org ou contactar a través do teléfono 982 297 837.