Connect with us

Patrocinio

A área de Deportes acomete melloras en distintas pistas da cidade para garantir o seu bo estado

As intervencións afectan a Camiño Romai, Sagrado Corazón, a Pista Roja e ás pistas das Termas.

O concelleiro Jorge Bustos destacou que “facemos un seguimento constante destas instalacións, que son fundamentais para fomentar a práctica deportiva e o benestar da veciñanza”

A área de Deportes, que dirixe Jorge Bustos, está a acometer novas actuacións de mantemento nas pistas deportivas da cidade co obxectivo de garantir que estas infraestruturas de proximidade estean sempre en condicións óptimas. “O mantemento continuo destas infraestruturas permite que a cidadanía poida utilizalas nas mellores condicións posibles durante todo o ano”, explicou o edil.

Nas últimas semanas renovouse unha das canastras da pista multideporte de Camiño Romai e colocouse unha nova rede antivandálica, ademais de acometer labores de limpeza da superficie. Está previsto que nos próximos días se repoñan tamén as vallas perimetrais situadas detrás das porterías.

Tamén se colocarán dúas porterías antivandálicas na pista do Sagrado Corazón e renovaranse as vallas perimetrais da Pista Roja nas vindeiras semanas. Nas pistas das Termas, en resposta ás demandas do barrio, substituirase unha pista de voleibol por outra de fútbol.

Bustos subliñou que “apostamos por un modelo de cidade que coida o deporte de proximidade, que entende o espazo público como lugar de encontro e que reforza a cohesión social a través das instalacións deportivas. Por iso estamos atentos ás necesidades da veciñanza e actuamos de maneira continua para que os barrios conten con espazos dignos e seguros”.

Patrocinio