O circuito, que celebra a súa XXIII edición, desenvolverá esta proba o vindeiro domingo 16 de febreiro a partir das 12:00 h nun percorrido mixto de asfalto e terra arredor do aparcadoiro superior do centro comercial.
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destaca que “Corre con Nós é unha proba que segue crecendo e promovendo o deporte en todas as idades, ademais de dinamizar distintos espazos da cidade”.
O XXIII Circuíto Larsa Corre con Nós celebrará a súa segunda proba este vindeiro domingo 16 de febreiro no Centro Comercial As Termas, nunha xornada que reunirá a un total de 2.073 inscritos. O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou que “Corre con Nós segue consolidándose como unha das citas máis importantes do atletismo popular en Lugo, coa implicación de centos de persoas que gozan do deporte en diferentes espazos da cidade”.
A proba terá lugar no aparcadoiro superior do Centro Comercial As Termas e desenvolverase por un circuito de asfalto e terra, con percorridos adaptados a diferentes categorías. O evento dará comezo ás 12:00 horas coa categoría Mini (300 metros), seguida polas probas Sub 10 e Sub 12 (ás 12:05 horas, con 900 metros), Sub 14 e Sub 16 (ás 12:15 horas, con 2.050 metros) e, finalmente, a carreira de adultos (ás 12:40 horas, cun percorrido de 4.670 metros).
O concelleiro Jorge Bustos subliñou que “esta proba ten ademais un carácter especial, pois se enmarca na celebración do 20º aniversario do Centro Comercial As Termas, que vén colaborando con esta iniciativa desde os seus inicios”.
Como vén sendo habitual, os atletas que rematen a carreira recibirán, xunto co avituallamento, un vale para canxear pola camiseta oficial do circuíto, que poderá ser retirada no propio centro comercial entre o 14 de abril e o 17 de maio, no punto de información da planta superior.
Desde a organización confirman que a celebración da proba non afectará á circulación periférica de vehículos na contorna do centro comercial. O acceso ao recinto poderá facerse pola parte inferior, e a súa saída realizarase desde o aparcadoiro superior.
Toda a información sobre a proba e as súa clasificacións estará dispoñible na páxina web do circuíto: www.correconnos.com.